Oleiros, 11 de novembro de 2021-. O Centro Dramático Galego presenta o domingo ás 20:00 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o drama O charco de Ulises. Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Fran Paredes, Chusa Pérez de Vallejo, Inés Salvado Gontad e Paulo Serantes forman o elenco desta obra que dirixe Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.
O charco de Ulises é unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico. Trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade —ou non— de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:00 horas, a 3,50 euros, ata completar a capacidade permitida da sala. A obra está recomendada para un público adulto.