Oleiros, 8 de xullo de 2011-. O Centro de Formación Isaac Díaz Pardo do Concello de Oleiros impartirá un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, especialidade das enerxías renovables en pleno auxe. Este curso, que consta dun total de 658 horas lectivas que se impartirán desde este 28 de xullo ata o próximo 13 de decembro, está destinado á mocidade. As persoas interesadas deberán cumprir varios requisitos para poder participar, entre eles posuír a acreditación de ter o título de educación secundaria e o nivel de galego correspondente ao Celga 2. As persoas interesadas poden obter máis información a través do portal web municipal ou directamente no centro de formación que ten a súa sede na urbanización Os Regos.
Con este curso son 5 os cursos que se imparten este ano no Centro de Formación Isaac Díaz Pardo. Destes, 4 están subvencionados pola Xunta (cociña, ebanista, escaiolista e solar-térmica) e un de xardinería financiado integramente polo Concello de Oleiros.