Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Castelo iluminarase mañá de azul en solidariedade cos que loitan contra a epidemia da diabete

Oleiros, 13 de novembro de 2015-. Mañá celébrase o Día Mundial da Diabetes baixo o lema “Deteñamos a epidemia da diabetes”. Por este motivo o Concello de Oleiros, a través da Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, leva a cabo dúas iniciativas neste mes de novembro.

Como apoio á Asociación Coruñesa da Diabetes (ACODI) vaise iluminar o castelo de Santa Cruz de cor azul mañá pola noite. Esta é a cor que identifica o movemento mundial que traballa para previr a diabetes, unha enfermidade que  afecta a case 400 millóns de persoas en todo o mundo e cústalle a vida a case 5 millóns delas.

No período 2014-2016 existe a nivel mundial unha estratexia de fomento de hábitos de vida saudables para frear o que se xa é cualificada como unha epidemia e que pode alcanzar dentro de 20 anos a 600 millóns de persoas, o 7% da poboación mundial.

Estímase, segundo diversos estudos, que o 10% do custo sanitario a nivel mundial podería evitarse modificando os factores e hábitos de risco que provocan a diabetes, polo que resulta fundamental incidir nestes aspectos a través da información e da prevención.

Con ese obxectivo, o próximo xoves 26 de novembro, ás 19:00 horas, nas Torres de Santa Cruz, terá lugar unha mesa redonda titulada “Convivir coa diabetes”, na que persoas da Asociación Coruñesa de Diabetes (ACODI) e a xefa do Servizo de Endocrinoloxía do CHUAC, falarán da alimentación, da medicación, do estilo de vida, o exercicio físico..., en definitiva, de todas as cuestións que poden afectar na vida diaria dunha persoa con diabetes.

Esta mesa redonda será unha ocasión especial para que todas aquelas persoas afectadas pola diabetes e os seus familiares poidan achegarse e coñecer tanto o traballo que desenvolven desde ACODI como aqueles aspectos máis sanitarios da enfermidade.

 

back link