Incluíuno o Concello no actual PXOM como impulsor do desenvolvemento turístico, hoteleiro e deportivo do municipio
Oleiros, 10 de novembro de 2010-. O futuro campo de golf do Concello de Oleiros desde o inicio das súas actuacións, en decembro de 2005, foi promovido por diversos veciños oleirenses a través da empresa que constituíron co nome Nova Galicia. Os terreos desta empresa de veciños e veciñas representaba case un 50% do territorio afectado pola futura urbanización do campo de golf, cuxa maioría de parcelas pertencía á familia propietaria do pazo de Xaz.
Neste ámbito participan decenas de familias oleirenses propietarias de solo, así como as empresas que foron adquirindo solo no ámbito, entre elas a de Manuel Jove, quen comezou a participar a partir de 2008.
O campo de golf é unha iniciativa do Goberno municipal a través do seu Plan xeral, por estimar que a promoción deste contribuiría ao desenvolvemento turístico, hoteleiro e deportivo do municipio.
Ningún dos propietarios está obrigado a participar en ningunha xestora e en cambio si o están na xunta de compensación creada para o desenvolvemento do ámbito.
A familia Sanjurjo, outra das principais propietarias de solo neste ámbito que participa con máis de 94.000 metros cadrados pretendía a inclusión de 66.000 metros cadrados máis que finalmente quedaron excluídos. Trátase duns montes que, sobre a rasante do campo de golf, superan os 35 metros de altura e acumulan un desnivel do 18% de pendente. Esta familia pretendía que «todo o monte fose ourego», e como consecuencia de non ser estimada semellante aberración intenta por todos os medios e sen ningún tipo de argumento, impedir o desenvolvemento deste ámbito.