Oleiros, 27 de setembro de 2018-. Caramuxo Teatro presenta o domingo ás 12:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Ela, inspirado na obra e na figura de Maruxa Mallo e dirixido por Laura Sarasola e Juan Rodríguez. Laura Sarasola, Juan Rodríguez e Suso Jalda forman o elenco desta obra de teatro.
Ela é unha comedia familiar. O punto de partida é o de crear un espectáculo que dea a coñecer e a homenaxear a unha das máis importantes mulleres representantes das vangardas artísticas a nivel internacional do seu momento. Ela crea un mundo fantástico a través das cores, a arte e o universo creativo da pintora. Unha mestura de poesía, humor, teatro e danza onde descubrir o imaxinario desta muller excepcional. Un poema plástico para gozar en familia.
As entradas poñeranse á venda a partir das 11:30 horas, ata completar a capacidade da sala. Está recomendada para un público familiar.