Oleiros, 22 de setembro de 2011-. O Concello de Oleiros presenta a súa oferta de ocio cultural para esta fin de semana cun espectáculo teatral como prato forte. O pase da función Anxelina e o honor dun brigadier, da compañía Teatro Artesán, levarase a cabo este sábado a partir das 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
Este espectáculo, que é unha adaptación da obra orixinal de Jardiel Poncela dirixida por Juan de Mondego, é unha divertida e intrépida comedia ambientada nunha cerimonia de pedida de man que se ve alterada polos enganos amorosos e complicadas e rocambolescas dobres vidas que se descobren a medida que avanza a trama. A duración é de 90 minutos. O espectáculo non está recomendado a menores de 12 anos.