Oleiros, 29 de setembro de 2011-. O próximo sábado día 1 de outubro o auditorio Gabriel García Márquez de Mera acolle o pase dun interesante espectáculo de danza, onde o folclore galego se presenta como o principal protagonista. O pase, que comezará ás 20.30 horas, ten un prezo de 5 euros e as entradas estarán á venda no propio auditorio a partir das 19.30 horas. A duración aproximada é dunha hora.
Miniaturas é un espectáculo que trata de facer un percorrido polos distintos ritmos do folclore galego. A obra non segue un guión determinado, xa que cada coreografía representa unha visión particular das estampas típicas do noso folclore. O espectáculo caracterízase pola forza e fluidez de movementos mesturados coas intensas liñas melódicas. Miniaturas combina danza e música en directo dándolle un carácter fresco e festivo ao longo de toda a función. A compañía de danza Entrecaixas, baixo a dirección de Iván Villar Agulleiro, será a encargada de pór en escena esta interesante oferta cultural do Concello de Oleiros.