Oleiros, 3 de outubro de 2011-. O auditorio do complexo cultural A Fábrica, en Perillo, acollerá mañá un espectáculo de marionetas enmarcado na programación do Festival Internacional Galicreques 2011. O pase, que comezarás ás 11.30 horas, será unicamente para escolares. A compañía encargada de pór en escena o espectáculo La carpa de los dos colores será un grupo mexicano Guiñoleros UAS, de gran prestixio no círculo hispanoamericano.
O Concello de Oleiros acolle un ano máis este festival de monicreques organizado polo Consorcio das Mariñas. Esta nova edición, que será a VII, presenta unha programación formada integramente por espectáculos de compañías iberoamericanas. Co pase de mañá serán cinco as representacións que se levarán a cabo no municipio, tres serán funcións escolares e dúas abertas ao público en xeral. Todas as representacións terán lugar no auditorio do C.C. A Fábrica, de Perillo.