Hemeroteca

Asset Publisher

Back O alumnado do Miraflores e do Luís Seoane participará mañá no Roteiro Literario

Oleiros, 31 de maio de 2016-. Uns 150 alumnos e alumnas do IES Miraflores e do Colexio Luis Seoane de Mera participarán mañá no Roteiro Literario. As figuras do pintor Francisco Lloréns -que veraneou en Mera, Oleiros e Perillo-, do trobador Lopo de Liáns e do matemático José Barral Souto -que naceu na Rabadeira- centran o percorrido deste ano.

O roteiro comezará nas Torres de Santa Cruz onde se proxectarán imaxes de diversas obras de Francisco Lloréns acompañadas dunha breve explicación por parte de alumnado do IES Miraflores e do pintor Ricardo Rilo. Posteriormente, os participantes visitarán a casa na que veraneaba en Mera para continuar na igrexa de Santa María de Dexo, co obxecto de coñecer unha igrexa románica que os axudará a situarse na Idade Media, época na que viviu o trobador Lopo de Liáns. Despois irán para a parroquia de Liáns, ata o xardín do pazo de Lóngora que Lloréns plasmou para a posteridade nalgúns dos seus cadros. Logo, no parque diante da igrexa de Liáns, lembrarán ao egrexio trobador Lopo de Liáns antes de finalizar o roteiro na Praza da Rabadeira, en Oleiros, que é onde naceu o importante matemático José Barral Souto.

O alumnado do Instituto Miraflores realizará a presentación destes personaxes. Alumnos e alumnas de 1º de bacharelato, dirixidos pola profesora Susana López González e baixo a coordinación de Rosa García Vilariño, elaboraron o texto da publicación, que foi  deseñado polo Concello de Oleiros.

Coa realización desta actividade preténdese dar a coñecer diferentes persoas ilustres que residiron no Concello de Oleiros, promover a lectura e mellorar o coñecemento do patrimonio e de diferentes espazos do termo municipal.

O Roteiro Cultural e Literario é unha actividade organizada polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros e o IES Miraflores.
 

back link