Oleiros, 20 de marzo de 2012-. O Concello de Oleiros, en colaboración coa Asociación de Veciños San Cosme, organiza unha plantación de árbores na que participarán más de 40 alumnos e alumnas de 3 anos de idade do colexio Luís Seoane, de Canide. Esta actividade, que se levará a cabo mañá mércores a partir das 11.00 horas no parque da lagoa de Mera, está organizada con motivo da conmemoración do Día Mundial da Árbore.
Os escolares, que estarán acompañados por docentes, persoal municipal e membros da asociación, plantarán 17 pradairos, 2 carballos e un tileiro, todos eles cultivados no viveiro municipal. Estas especies foron elixidas porque se adaptan ao contorno da lagoa, tanto nas súas características como nos requirimentos de solo, humidade, aire salino, etc. Os carballos e o tileiro son de tamaño grande, con máis de 8 anos. Os pradairos son máis pequenos, de 4 anos de idade, o que permite unha mellor adaptación ao medio e que poidan ser manexados polos nenos.
Así mesmo, plantaranse 3 tamargueiras de 3 metros de altura no borde da lagoa e nas próximas semanas, o persoal municipal completará esta plantación con algúns exemplares máis que estarán situados no borde da lagoa, nas inmediacións da rúa da Braña.