Oleiros, 11 de abril de 2014-. Un grupo de 30 alumnos e alumnas de 3 anos de idade do colexio Luís Seoane participaron esta mañá nunha plantación de árbores nunha zona verde situada entre a rúa Gaza e a rúa Caracola, en Canide. Esta actividade organizada pla asociación de veciños San Cosme e o Concello de Oleiros estaba preparada para conmemorar o Día Mundial da Árbore, que se celebrou o 21 de marzo, pero a chuvia e o mal tempo foron retrasando esta tradicional celebración que finalmente tivo lugar esta mañá.
Os escolares, que estiveron acompañados por docentes, persoal municipal e membros da asociación de veciños San Cosme, plantaron 10 castiñeiros, 3 piñeiros do país e 4 pradairos. Todos os exemplares foron sementados e cultivados no viveiro municipal.