A Rúa de Valdeorras, 16 de xuño de 2016-. Ángel García Soane participou esta tarde na charla-coloquio “Municipalismo activo: crear poder popular”, na Rúa de Valdeorras. O alcalde de Oleiros repasou diante dun cento de persoas o proxecto político desenvolvido polo Goberno municipal durante os últimos 37 anos e os motivos que fan de Oleiros un municipio singular e distinto a todos os demais.
García Seoane, que compartiu mesa co alcalde de Manzaneda David Rodríguez, comezou repasando a traxectoria política do grupo de goberno. “Fomos perseguidos por todos os poderes habidos e por haber. Quixeron acabar con nós pero non puideron”, dixo. “Conseguimos moitas cousas grazas a un traballo arduo, de moita xente, sen cambiar o rumbo” e enumerou os servizos, espazos públicos e equipamentos máis significativos existentes no concello.
O alcalde tamén destacou a ordenación urbanística como unha das claves do benestar existente no municipio. “En Oleiros temos un plan, mentres no resto dos concellos da comarca non o teñen, a pesar de que tiveron maiorías para poder aprobalo”, resaltou.
O rexedor oleirense tamén reivindicou as posibilidades de Galicia e lamentou as políticas desenvolvidas por moitos gobernos municipais. “Non podemos seguir deixando que esnaquicen os nosos pobos. Nesta provincia temos o exemplo de Allariz, que se poden facer ben as cousas. Non é tarde para mudar o que está mal, pero o que non se pode facer e deixarse levar por cantos de sereas”, comentou.