Oleiros, 9 de outubro de 2015-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou esta mañá a súa posición sobre a ampliación de Alfonso Molina. García Seoane defendeu o modelo viario oleirense e reclamou que no caso do principal acceso á cidade da Coruña se aposte por unha humanización similar á existente nas estradas de Oleiros, na que tamén se teña en conta as necesidades da circulación.
“Quero cidades para o goce dos cidadáns, con bos servizos. É posible facer unha avenida con andéns, con beirarrúas, con carrís bici, con setos verdes, con árbores,...”, explicou o rexedor. Un tipo de estradas, que hai anos que xa son unha realidade en Oleiros. “Amosamos que as árbores poden convivir perfectamente” cos vehículos, a pesar de que a Xunta de Galicia quixo realizar unha tala masiva nas proximidades ás vías. Ángel García Seoane lembrou que, no seu momento, o alcalde Alfonso Molina concebiu a avenida con árbores e ata unha posterior ampliación non foron eliminados.
“O proxecto que formula o actual goberno da Coruña pódese levar adiante perfectamente. Trátase dunha entrada humanizada á cidade, que tamén serve para que os coches poidan circular comodamente”, dixo. “Débese pensar nos peóns, nos ciclistas, nos coches e no transporte público. Alfonso Molina contará con urbanizacións aos dous lados polo que o proxecto debe prever novas conexións e pasos subterráneos como xa existen noutras cidades”, comentou.