Hemeroteca

Asset Publisher

Back O alcalde e os membros do grupo de Goberno protestan contra o reparto dos fondos da Deputación

Oleiros, 21 de novembro de 2013.- O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o resto dos membros do Goberno local, asistiron esta mañá ao pleno da Deputación provincial onde mostraron o seu malestar polo reparto de 9,2 millóns de euros entre concellos gobernados polo PP, PSOE e BNG. Este reparto, ilegal a todas luces, preséntase como un plan de obras e servizos encuberto e o importe das súas contías non responde a ningún dos criterios técnicos aplicables a este tipo de repartición. Deste modo, municipios como Outes, que conta cunha poboación de pouco máis de 7.000 habitantes recibe 230.000 euros destes fondos, ou o Concello da Baña, que cunha poboación de 4.000 habitantes percibe 191.000 euros.

Durante o transcurso da sesión, e no momento no que se dispoñía a votar a aprobación do reparto de fondos para o primeiro dos 62 concellos beneficiados, García Seoane solicitou a palabra ao presidente provincial Diego Calvo, quen lla denegou en reiteradas ocasións  e instouno a que presentara un escrito. Mentres o rexedor insistía na súa quenda e apelaba educadamente ao seu dereito a falar como alcalde e representante da poboación oleirense, deputados provinciais do grupo popular boicotearon o seu discurso con insultos e a grito de «sinvergüenza». Finalmente, sen poder falar, un garda de seguridade invitou o alcalde a abandonar a sala entre os improperios de parte dos deputados e a consigna «Manos arriba isto é un atraco», dos membros do Goberno local oleirense.

Unha vez abandonada a sala, e ante os medios de comunicación, García Seoane denunciou o ocultismo que xira sobre o reparto deste remanente de tesourería e reiterou que o acordo está impugnado e polo tanto o reparto é ilegal, por moito que se esforcen en camuflalo doutro modo. O rexedor destacou que non cesará no seu empeño de que o diñeiro sexa outorgado de maneira xusta e obxectiva a todos os municipios da provincia sen discriminar a ningún e asegurou que recorrerá aos tribunais se é necesario.
 

back link