Oleiros, 21 de abril de 2017-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para expoñerlle as necesidades existentes no municipio pendentes de resolución por parte da administración autonómica. García Seoane tratou co presidente a contratación das obras da rotonda de Santa Cruz, a conexión da vía Ártabra coa AP-9 e o problema coa Casa do Mar de Mera.
O presidente informou de que a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso para a contratación das obras de construción da rotonda de Santa Cruz. O Concello de Oleiros xa realizou un elevado investimento superior aos 500.000 euros para que se aborde a actuación. Foron expropiados os terreos da gasolineira onde se situará a rotonda, redactouse o proxecto en combinación cos técnicos autonómicos e nas vindeiras semanas realizarase o saneamento da parcela, contaminada durante os 50 anos nos que a gasolineira prestou servizo.
O alcalde tamén lle expuxo ao presidente a urxente necesidade da conexión da vía Ártabra coa AP-9. Dado que a estrada aínda non está rematada, non presta o servizo para o que foi concibida no seu momento para os concellos da comarca da Coruña. A finalización desta obra permitiría aliviar considerablemente o tráfico da ponte da pasaxe e da N-VI en xeral.
García Seoane tamén demandou ao presidente a colaboración da Consellería de Política Social para resolver o problema da Casa do Mar de Mera que se orixinou hai 5 anos co desaloxo das entidades de Maianca para a realización de obras no edificio. Desde entón a Asociación de Veciños estivo en precario utilizando un local prestado ao Concello que tivo que ser devolto ao seu dono hai varios meses.
O presidente da Xunta de Galicia comprometeuse a buscar solución a todas as cuestións formuladas, que dependen de distintas consellerías.