Oleiros, 29 de novembro de 2016-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, defendeu unha vez máis a creación da área metropolitana e as numerosas vantaxes que tería o seu funcionamento para a cidadanía e as administracións locais da comarca. García Seoane realizou estas declaracións no debate celebrado no Sporting Club Casino da Coruña e no que tamén participaron Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, e Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo.
“Eu son un dos grandes defensores da área metropolitana. A unión fai a forza. Os servizos por separado sempre son máis caros e hai que agrupar para que salgan máis económicos. Os veciños van gañar na calidade dos mesmos e a economía dos municipios tamén vai quedar máis aliviada, poderanse destinar máis cartos a temas domésticos”, dixo o alcalde de Oleiros. García Seoane tamén destacou a importancia que tería a unión dos municipios para poder optar a grandes fondos europeos para mellorar as deficitarias infraestruturas viarias existentes –ponte da Pasaxe, Alfonso Molina, vía Ártabra- e crear outras novas como o vial 18.
O alcalde de Oleiros aproveitou a presenza do alcalde de Arteixo para animalo a que renunciara ao “politiqueo” promovido por parte dos responsables provincias do Partido Popular e optara por facer o mellor para o seu concello e, en consecuencia, para toda a comarca. “Non se entende que o luns estiveramos todos os alcaldes de acordo en iniciar o proceso e asinar os documentos e que tres días despois os tres rexedores do PP non apareceran, cando eles mesmos foron os que marcaron a data e a hora do acto”, dixo.