Oleiros, 21 de xaneiro de 2016-. O auditorio do centro cultural A Fábrica acollerá o vindeiro sábado 20 de febreiro a partir das 19:00 o acto de homenaxe á pediatra Cecilia Vecillas Sevilla trala súa recente xubilación. A médica dedicou 33 anos da súa vida profesional a atender aos nenos e nenas do noso municipio.
Os colectivos veciñais de Oleiros e o Concello estimaron que persoas como Cecilia Vecillas son merecedoras dun recoñecemento especial para que o seu nome e o seu traballo, que tanta saúde trouxo aos nosos nenos e nenas, perdure na memoria do noso pobo. Aínda que a pediatra renunciou a que o seu nome figure no Centro de saúde de Perillo, non puido impedir que se organice un acto no que, entre outras cousas, se lle entregará un libro no que están a participar centos de oleirenses e no que se recollen gratitudes, poemas, debuxos e dedicatorias á esta excelente profesional da medicina.
A dedicación de Cecilia Vecillas foi realmente especial e á súa extraordinaria capacidade profesional hai que engadirlle unha calidade humana que está fóra de toda dúbida. Cecilia foi unha doutora inigualable pola atención que lle deu aos nosos pequenos e pequenas e tamén a aqueles outros e outras que alén do mar, en diversos países de Latinoamérica, puideron favorecerse dos seus coidados como profesional da medicina.