Oleiros, 21 de febreiro de 2018-. Hoxe a partir das 22:00 horas producirase o último corte de tráfico por obras na avenida Ernesto Che Guevara. A partir das 22:00 horas de mañá xoves restableceranse os dous carrís de circulación.
Para causar os mínimos trastornos, o Concello de Oleiros obrigou á empresa a crear varios grupos de traballo e realizar este pequeno tramo, á altura do Hostal Brial, de xeito ininterrompido durante 24 horas e non prolongar a situación durante 3 días. Non haberá semáforos, senón que un operario regulará o tráfico cunha paleta para axilizar a circulación o máximo posible.
Tamén está previsto que a partir do luns, e durante varios días, quede cortado o acceso á avenida de Santa Cristina desde a rotonda polas excavacións. Os vehículos que procedan da Coruña e queiran dirixirse a esa zona terán que facelo pola rúa Darwin. Desde a avenida de Santa Cristina si será posible incorporarse á avenida Ernesto Che Guevara.