Hemeroteca

Asset Publisher

Back O índice de violencia de xénero en Oleiros é inferior ao dos concellos da contorna

Oleiros, 18 de marzo de 2016-. O número de ordes de protección en vigor, respecto á poboación total, está moi por debaixo da media dos concellos do contorno tal e como se constatou na reunión da Mesa de Coordinación Policial contra a Violencia de Xénero do Concello de Oleiros celebrada o pasado mércores 16 de marzo. Nestas reunións, que se realizan con carácter periódico para facer un seguimento nesta materia, persoal de Servizos Sociais e da Policía Local de Oleiros xunto coa Garda Civil e unha representante da Subdelegación do Goberno analizaron a situación pola que atravesan as mulleres vítimas de violencia de xénero no municipio, tanto a nivel global como de forma individualizada se así o require o caso.

Dentro deste mesmo espazo de coordinación acordouse estudar a posibilidade de levar a cabo unha actividade formativa dirixida ao persoal de Servizos Sociais, Garda Civil e Policía Local para mellorar as habilidades de comunicación deste persoal que traballa directamente coas mulleres vítimas de violencia.

Recentemente tres axentes da Policía Local de Oleiros realizaron unha formación en VIOGEN, unha aplicación informática utilizada por Policía Local e Garda Civil para facer un seguimento das mulleres vítimas de violencia de xénero con ordes de protección.

Por outra banda, desde Servizos Sociais trasladouse ás forzas de seguridade a liña de traballo que se está a seguir en relación con esta materia, centrando os esforzos en reforzar emocionalmente as mulleres que se poidan atopar en situación de vulnerabilidade, tanto a través de atención individuais como grupais. Valorouse moi positivamente esta estratexia de intervención que ofrece unha atención continua ao longo de todo o ano.

Tamén se acordou convocar proximamente a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero co obxectivo de analizar a situación e revisar o que se está a facer desde os distintos ámbitos: educativo, social, sanitario, policial, xudicial… que permita un maior coñecemento das actuacións que se están a levar a cabo.
 

back link