Oleiros, 4 de novembro de 2015-. A Xunta de Galicia emitiu a pasada semana un comunicado falso no que aseguraba que tiña saldadas todas as súas débedas coas persoas afectadas pola construción de estradas autonómicas. Algúns medios de comunicación, nunha nova mostra do seu carácter propagandístico, reproduciron unha nota de prensa absolutamente falsa. En Oleiros, aínda son moitos os veciños e veciñas que seguen sen percibir as súas correspondentes indemnizacións polos terreos ocupados para a vía Ártabra.
“Hai centos de persoas que non cobraron nin un só peso. Foron moitos os veciños e veciñas que se puxeron en contacto co Concello de Oleiros para informarnos de que non se lles pagou. Paréceme moi grave que se fagan este tipo de comunicacións”, denunciou o alcalde Ángel García Seoane.