Oleiros, 16 de febreiro de 2022-. O IX Ciclo de Música Voces Cálidas para Noites de Inverno continúa este sábado cun concerto da cantautora arzuá MJ Pérez no centro cultural A Fábrica, en Perillo, ás 20:30 horas. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do inicio do espectáculo a un prezo de 3,50 euros.
MJ Pérez presentará o seu último disco A Luz Prendida, un álbum que bebe da esencia da canción de autor mais que fusiona músicas do mundo coa incorporación de ritmos latinos e tamén un toque de pop-rock. Neste concerto, formato dúo, podemos ver a versión máis próxima ao público deste novo disco e tamén unha pequena viaxe polas cancións máis recoñecidas desta artista.