Oleiros, 6 de maio de 2015-. Mañá xoves día 7 de maio, a partir das 12.30 horas terá lugar no salón de plenos da Casa Charry unha sesión plenaria de carácter extraordinario. Nesta sesión votaranse temas de interese para os veciños e veciñas como a proposta do grupo de Goberno para conceder unha subvención nominativa ao Club de Regatas de Perillo e outra ao Centro Mariñeiro de Mera. Ademais aprobarase, se procede, o convenio de colaboración para poñer en marcha as medidas de aforro enerxético na iluminación pública de Oleiros e Sada. Tamén votarase unha moción en apoio ás traballadoras e traballadores da residencia asistida do municipio. Por último, darase conta da liquidación do orzamento do Concello de Oleiros correspondente ao pasado ano no que se acadou un superávit de máis de 6 millóns de euros.