Hemeroteca

Asset Publisher

Back Mañá ábrese o prazo para inscribirse nas tertulias literarias da biblioteca Rialeda

Oleiros, 17 de setembro de 2013-. Os obradoiros de lectura e tertulias literarias para mozos e adultos inician unha nova tempada en Oleiros. A actividade comezará na Biblioteca Central Rialeda o próximo 2 de outubro e a partir de mañá ábrese o prazo de inscrición. As persoas que desexen apuntarse poden facelo a través da sede electrónica do portal web municipal, no blog das bibliotecas de Oleiros, chamando por teléfono ao número 981 639 511 ou achegándose persoalmente á Biblioteca Rialeda.
 
Nesta actividade poden inscribirse todas as persoas maiores de 16 anos que desexen participar. Hai 40 prazas que se distribuirán en dous grupos. As 20 primeiras inscritas pasarán a formar parte do grupo A e as 20 seguintes do grupo B. Unha vez completados os grupos, as persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de espera e serán avisadas cando haxa unha vacante.

Na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo, realizaranse quincenalmente, os mércores, ás 17.30 horas. O mércores, 2 de outubro, empezará o grupo A e o día 9 o grupo B. Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz comezarán o luns, 21 de outubro. Serán quincenalmente, os luns, ás 18.30 horas.

Algúns dos libros que se van ler son:  Una temporada para silbar de Ivan Doig, Escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro, El reflejo de las palabras de Kader Abdolah, La gran casa de Nicole Krauss, La noche de los tiempos de Antonio Muñoz Molina, Cuatro hermanas de Jetta Carleton, Balzac y la joven costurera china de Sijie Dai,  Libertad de Jonathan Franzen, etc.
 
Nestas actividades realízase o comentario de obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e á vez, lúdico da lectura. O principal obxectivo é animar a ler lendo, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista. Preténdese ir descubrindo a maneira de escribir de cada autor ou autora, os distintos estilos, o tipo de linguaxe que utiliza e analizar os textos escritos, os procedementos e características máis importantes de cada obra.
 
Ao longo dos meses iranse prestando aos participantes diferentes libros de autoras e autores da literatura galega, española e internacional, por este motivo é totalmente imprescindible que as persoas interesadas en participar se inscriban nalgunha das dúas bibliotecas, para ter praza e poder ter dispoñibles os exemplares necesarios de cada título.
 

back link