Hemeroteca

Asset Publisher

Back Mañá ábrese o prazo para inscribirse nas tertulias literarias da Biblioteca Central Rialeda

 

Oleiros, 16 de setembro de 2014-. Os obradoiros de lectura e tertulias literarias para mozos e adultos empezan nunha nova tempada nas Bibliotecas Municipais de Oleiros e a partir de mañá, mércores, 17 de setembro, ábrese o prazo para inscribirse na Biblioteca Central Rialeda. 
 
As persoas que desexen apuntarse poden facelo, a partir de mañá, a través da sede electrónica da páxina web municipal, www.oleiros.org, no blog das bibliotecas municipais de Oleiros, http://bibliotecasoleiros.blogspot.com.es/, chamando por teléfono ao número 981 63 95 11 ou achegándose persoalmente á Biblioteca Rialeda. 
 
Poden inscribirse todas as persoas maiores de 16 anos que desexen participar.
 
Hai 40 prazas que se distribuirán en dous grupos. As 20 primeiras inscritas pasarán a formar parte do grupo A e as 20 seguintes do grupo B. Unha vez completados os grupos, as persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de espera e serán avisadas cando haxa unha vacante.
 
Na Biblioteca Central Rialeda, en Perillo, realizaranse quincenalmente, os mércores, ás 17.30 hora. As sesións comezarán o mércores 8 de outubro para o grupo B e o 15 de outubro para o grupo A.  
 
Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz ábrese o prazo de inscrición o 1 de outubro ás 10 horas e esta poderase facer dos seguintes xeitos:  
 
- Persoalmente na Biblioteca de Santa Cruz.
 
- Por teléfono, chamando ao 981 626 338, no horario da biblioteca, de 10.00 a 13.30 h. e de 16.00 a 20.00 h., de martes a venres e os luns de 16.00 a 20.00 h. 
O grupo formarase rigorosamente por orde de inscrición. As 20 primeiras solicitudes constituirán o grupo da tertulia desta tempada. As persoas que queden sen praza entrarán a formar parte da Lista de espera.
 
A actividade nesta biblioteca comezará o luns, 27 de outubro. As sesións serán quincenalmente,  os luns, ás 18:30 horas.
 
En ningunha das dúas bibliotecas se admitirán solicitudes previas á data sinalada.
 
Algúns dos libros que se van ler son: “Prisioneros en el paraíso” de Arto Paasilina, “Futuro imperfecto” de Xulia Alonso, “El estandarte” de Alexander Lernet-Holenia, “Las viudas de los jueves de Claudia Piñeiro”, “84 Charing Cross Road” de Helene Hanff, “Cemiterio de elefantes” de Fran Alonso, “Las buenas personas” de Nir Baram, “La vida de Pi” de Yann Martel, “Los detectives salvajes” de Roberto Bolaño, “Rihla: relato de un viaje por la curva” de Ismael Diadie Haidara, “En el tiempo de las mariposas” de Julia Álvarez.
 
Nestas actividades realízase o comentario de obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e, á vez, lúdico da lectura. O principal obxectivo é animar a ler lendo, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista. Preténdese ir descubrindo a maneira de escribir de cada autor ou autora, os distintos estilos, o tipo de linguaxe que utiliza e analizar os textos escritos, os procedementos e características máis importantes de cada obra. 
 
Ao longo dos meses iranse prestando aos participantes diferentes libros de autoras e autores da literatura galega, española e internacional, por este motivo é totalmente imprescindible que as persoas interesadas en participar se inscriban nalgunha das dúas bibliotecas, para ter praza e poder ter dispoñibles os exemplares necesarios de cada título.
 
back link