Eses máis de medio cento de empregos xestionáronse en 427 iniciativas de dinamización, o que equivale a máis de unha por día do ano, e case dúas se contamos só os días laborables. En total, manexáronse 1.176 currículos enviados para cubrir eses postos e 165 chegaron a ser contratados a través da Bolsa Municipal de Emprego.
A todo isto hai que sumar as 107 persoas empregadas en diversos programas municipais, como peóns para a limpeza viaria perceptores da Risga, operarios de servizos, socorristas, limpeza de praias, persoal e alumnado do Obradoiro de Emprego da zona do Pazo de Lóngora e persoal técnico de Turismo e Aula do Mar.
En canto á atención ás persoas emprendedoras, o resultado foi a creacion de 36 novas empresas que en total crearon 41 postos de traballo, se ben os proxectos asesorados ascenderon a 106.
En materia de formación, o Isaac Díaz Pardo realizou dúas grandes iniciativas, interconectadas relacionadas co acondicionamento dos xardíns e parque da contorna do Pazo de Lóngora, rematando un primeiro Obradoiro Dual de Emprego con 20 persoas participantes e comezando a súa segunda parte con outras 20. Son alumnado das actividades de carpintería e moble, auxiliar de viveiros, xardíns e centros de xardinería.
O resto das actividades de 2024 foron 7 cursos de formación para 105 alumnas e alumnos sobre atención sociosanitaria no domicilio, outro idéntico pero en institucións sociais; competencias N2 en idioma galego, cociña, socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas e por último auxiliares en conservación e mellora de montes.