Oleiros, 30 de marzo de 2015-. A escultura de granito instalada nas inmediacións do porto de Lorbé centra as vistas na instalación portuaria. O monumento, inaugurado polo Goberno local o pasado sábado, foi unha demanda da comunidade pesqueira, que fai un ano solicitou ao alcalde instalar unha placa que homenaxeara aos mariñeiros falecidos no mar. «A proposta pareceunos moi acertada pero decidimos ampliar esta homenaxe con algo que estivese dedicado a todos os mariñeiros non só a aqueles desaparecidos. Por iso consideramos facer esta escultura no canto de só unha placa», sinalou o rexedor durante o acto inaugural ao que asistiron máis de 200 persoas.