Oleiros, 3 de outubro de 2019-. A compañía Marelas Producións presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Liberto. Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao forman o elenco desta obra de Gemma Brió, que dirixe Tamara Canosa.
Liberto é un espectáculo teatral con música en directo. Cando nace Liberto a vida de Ada frea en seco. Un texto e unha proposta formal asentada nas atmosferas sonoras que falan da vida, do sensorial e instintivo. Un espectáculo que revisa os límites socialmente acordados, un relato honesto de como xestionar a dor e de como seguir avanzando. Un proceso pegado ao primitivo, á conexión co noso animal, e por iso, contra todo prognóstico, cheo de vitalidade.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para maiores de 12 anos.