Oleiros, 23 de febreiro de 2016-. O ciclo de música Voces Cálidas para Noites de Inverno regresa este sábado ao auditorio da Fábrica. La Comparsita e Aixa Romay ofrecerán o mellor do seu repertorio nun concerto que comezará ás 20:30 horas. As entradas poñeranse á venda unha hora antes a un prezo de 2,50 euros, ata completar a capacidade da sala.
La Comparsita nace como proxecto musical para celebrar unha vella idea: a música para o baile e o baile para a música. Un quinteto de músicos e a espectacular voz de Aixa Romay tratan de recuperar a calidade musical e a elegancia dos antigos salóns de baile cun repertorio cheo de boleros e outras cancións clásicas que, pese a ser compostas hai moitos anos, lembramos como se fosen de hoxe en día.