Oleiros, 8 de agosto de 2012-. A XVIII edición da feira Alfaroleiros foi inaugurada oficialmente esta mañá no parque Luís Seoane de Santa Cruz nun acto no que participaron o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o presidente da Deputación provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso. García Seoane e Diego Calvo estiveron acompañados por responsables de La Caixa, Nova Galicia Banco e Gadis, empresas colaboradoras nesta mostra de olería, e por membros da corporación municipal.
Durante a súa intervención García Seoane fixo alusión á importancia dos oficios tradicionais como a olería para a sociedade actual e, especialmente, no contexto de crise que atravesamos. «Os oficios tradicionais son unha alternativa laboral no actual contexto», sinalou. O alcalde recordou a figura de José María Kaydeda, escultor, poeta e principal impulsor desta feira que logrou situarse entre as máis importantes do panorama nacional.
Os 25 postos dos oleiros e oleiras de toda a península Ibérica que participan na edición deste ano permanecerán abertos ata o vindeiro domingo día 12. Así mesmo, o programa de actos culturais que o Concello organizade e forma paralela á exposición concluirán o mesmo día ás 20.30 horas co acto de peche no que actuará a Banda de Gaitas da Asociación de Veciños de Santa Cruz.