Oleiros, 5 de agosto de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou que reitera a súa solicitude de reunirse co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, para tratar varios temas de interese para o municipio. As dúas prioridades da reunión serán tratar a situación en que se atopa o futuro colexio de Nós e a instalación dunha sede da Escola Oficial de Idiomas.
Respecto ao demandado colexio de Nós, García Seoane recordou esta mañá que o Goberno local xa puxo hai meses o solo necesario a disposición do Goberno autónomo, pero que porén, non recibiu nin unha soa comunicación deste organismo en todo o ano. O alcalde incidiu na necesidade deste equipamento docente para a zona sur do municipio, xa que Oleiros é un dos concellos de Galicia que máis crece en poboación nova. García Seoane afirmou que as obras deben comezar ao longo do próximo exercicio, xa que se trata dunha necesidade urxente para o municipio.
Por outra parte, o rexedor sinalou a súa intención de demandar de novo unha sede da escola de idiomas para o municipio. O alcalde indicou que implantar este servizo no municipio non suporía un gran investimento, xa que o Goberno local pon un dos edificios municipais a disposición da escola en horario de tarde, polo que os gastos de instalación mantemento e persoal non docente correrían a cargo do Concello. «Só é necesario ter vontade e dotalo de persoal docente», indicou. «Preto de 300 oleirenses desprázanse a outros centros da comarca para asistir a clases destas titulacións. Culleredo, Coruña, Carballo contan con sedes da escola de idiomas. Consideramos que Oleiros tamén debe tela», concluíu.