Oleiros, 4 de xullo de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que vai solicitar reunirse con Aguntín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio para tratar varios temas de interese para o municipio. O alcalde ten pensado formular o proxecto da rotonda de Santa Cruz. Ademais solicitará que se cualifiquen os 13 núcleos que o bipartito deixou fóra do PXOM e tratará outros asuntos como a execución das obras da vía Ártabra ou temas relacionados coa actividade hoteleira.
A rotonda de Santa Cruz
García Seoane anunciou que ten a intención de tratar co conselleiro o proxecto de construción dunha rotonda no centro de Santa Cruz, unha histórica demanda do Goberno local de Oleiros, que xa formulou a súa construción hai máis de dez anos presentando un proxecto en firme. O rexedor asegurou que esta infraestrutura é vital para eliminar un dos puntos que maiores retencións de tráfico xera en todo o municipio, tanto en dirección cara á Coruña, como en dirección cara á zona norte do municipio ou cara a Sada, a través da estrada que comunica con Abeleiras, en Dorneda. «A situación do tráfico neste punto é especialmente preocupante durante o período estival polos desprazamentos ás praias. Neste punto minoran todos os desprazamentos no municipio», sinalou.
Trece núcleos sen cualificación
Dentro dos temas importantes que se tratarán nesta entrevista, García Seoane destacou esta mañá a situación dos trece núcleos do municipio que o Goberno bipartito deixou fóra de ordenación. Neste sentido, García Seoane recordou que o grupo de Goberno mantén un contencioso coa Administración autonómica e que espera que a reunión con Hernández permita chegar a unha solución polo ben dos veciños e veciñas afectados.
Outros temas
Así mesmo, o alcalde formulará outros temas de interese para o municipio como a execución das obras da vía Ártabra. Ademais tamén presentará modificacións na normativa que rexe a actividade hoteleira para que se poida facilitar a instalación de dous hoteis de cinco estrelas no municipio, o que xeraría unha importante inxección á economía local coa creación de postos de traballo e coa activación do sector turístico no municipio.