Hemeroteca

Asset Publisher

Back García Seoane recurrirá la sentencia que le condena por atentar contra el honor de una jueza

Oleiros, 30 de xaneiro de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, compareceu esta mañá en rolda de prensa para falar sobre o fallo xudicial que o condena a indemnizar a unha xuíza con 60.000 por un delito contra o honor. García Seoane cualificou a sentenza de «totalmente inxusta» e sinalou que non é de estrañar que isto suceda nun momento no que no país se están usurpando os dereitos á educación, ao traballo digno, á vivenda ou o dereito á manifestación. Neste sentido o rexedor afirmou que, do mesmo modo que se recorta o dereito á manifestación, tamén se intenta coartar o artigo 20 da Constitución en relación á liberdade de expresión. «Un país democrático sen liberdade de expresión non é un país democrático», dixo. «O único honor aldraxado foi o meu nun  proceso xudicial no que se me mantivo imputado durante máis de seis anos sen motivo para dilatar o proceso», concluíu.

García Seoane estivo acompañado durante a súa comparecencia do seu avogado, Carlos Hernández, quen sinalou que a sentenza é «manifestamente errónea» e achacou o dito erro humano, entre outras cousas, ao corporativismo. Ademais, adiantou que se presentará un recurso de apelación ante a dita resolución. Segundo Hernández, «o que subxace en todo isto é unha actuación que estivo vexando o honor e a decencia de García Seoane que ten unha proxección pública e que tivo que soportar unha longuísima campaña de difamación, que ademais pivotou fundamentalmente sobre a actuación dunha xuíza e iso nos lexitima a facer unha crítica pública ante a sociedade», declarou.

Así mesmo, e sen entrar nos pormenores sobre este recurso, o letrado destacou varios eixes da sentenza que considerou moi relevantes. O primeiro é a proxección pública das resolucións. «Mal que lle pesa á xudicatura, os xuíces son servidores públicos e as súas sentenzas son susceptibles de crítica e de crítica ácida se o caso o require», apuntou. «Os xuíces débense á sociedade e ao concepto da xustiza que está por riba dunha corporación ou dunha casta ou dun grupo de persoas». En segundo lugar, destacou que a sentenza discorre por un camiño totalmente equivocado, xa que pivota sobre a apreciación de que as declaracións de García Seoane fixo eran inveraces. «Pois non. Eran todas absoluta e manifestamente veraces e poden comprobarse incluída a afirmación de que a xuíza que instruía a causa era sen dúbida unha infractora urbanística», afirmou o avogado. E ademais apuntou que «a cantidade solicitada como indemnización é totalmente desproporcionada e non garda proporción coa media de indemnizacións concedidas nestes casos».

Máis accións legais
Así mesmo, o avogado de García Seoane anunciou que antes do 10 de marzo se presentará unha querela contra a xuíza Pastor por unhas actuacións posiblemente constitutivas de delitos de prevaricación e de retraso malicioso da administración de Xustiza. «A señora Pastor terá que empezar a preocuparse da súa defensa», finalizou. Ademais, vaise presentar de inmediato unha denuncia ante o Consello Xeral do Poder Xudicial, xa que entende que puidera haber unha infracción grave por non absterse tendo unha situación de conflito co Concello. «Non quero cartos, quero xustiza», concluíu García Seoane.

Pode escoitar a rolda de prensa íntegra neste enlace
 

back link