Oleiros, 13 de xaneiro de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ignacio Crespo, reuníronse esta mañá coa conselleira de Benestar e Traballo, Beatriz Mato, para tratar varios asuntos pendentes de resolución como era o peche definitivo do centro de día do pazo de Arenaza, o uso das instalacións da segunda planta da Casa do Mar de Mera. Así mesmo durante o encontro demandouse maior colaboración económica para a prestación de servizos sociais e colaboración co Centro Municipal de Formación para fomentar o emprego.
Respecto ao pazo de Arenaza, que neste momento xa se atopa pechado, acordouse tramitar a liquidación e realizar un inventario, que se tratará por parte do Goberno autonómico de forma inminente, polo que o Concello recuperará a titularidade desta instalación. En canto á casa del mar de Mera que fora reformada por completo a súa segunda planta para que esta puidese funcionar como centro de día, en principio abrirá as súas portas como centro socio-comunitario. Para o seu funcionamento, a Consellería designará un total de dous traballadores, un director e un bedel.
Neste centro realizaranse actividades principalmente destinadas a persoas maiores, uso que xa tivo con anterioridade. Así mesmo, a Xunta programará actividades dirixidas entre as que previsiblemente se inclúa ximnasia e informática. Ademais, nesta mesma instalación coordinaranse aquelas actividades levadas a cabo directamente por parte do Concello. Deste modo libérase espazo na casa do mar o que permitirá a cesión en uso á asociación de veciños San Cosme do local que na actualidade estaba sendo usado polas persoas maiores, quen gozarán deste renovado espazo. Así mesmo, con esta última entidade veciñal coordinaranse o desenvolvemento doutras actividades que neste momento se levan a cabo por parte do colectivo veciñal en locais en precario.
Por último, e respecto ás axudas para servizos sociais, a conselleira comprometeuse a incrementar as ditas axudas, e comunicou que esta decisión será notificada ao Concello a finais do presente mes. Así mesmo, anunciouse unha nova convocatoria de cursos e obradoiros para combater o desemprego.