Oleiros, 22 de novembro de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, instou de novo esta mañá á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a que asuma as súas competencias en Oleiros e abra inmediatamente o centro de día das Galeras e a escola infantil da Braña, situada en Mera. Ambos equipamentos, construídos con financiamento municipal, estatal e europeo atópanse pechados e sen prestar dous servizos moi necesarios no municipio. O rexedor oleirense mostrouse molesto pola actitude sectaria e partidista que o goberno do PP leva a cabo na Administración autonómica. «Se este é o modelo que o Partido Popular vai exportar ao novo Goberno do estado, imos mal», apuntou.
No caso do centro de día das Galeras, construído con financiamento do Plan E do Goberno de España a petición do Goberno local durante o goberno bipartito da Xunta, atópase acabado, amoblado e pechado desde hai máis de 16 meses. Este moderno centro ten capacidade para atender un total de 80 persoas usuarias, o que permitiría aliviar a situación social de moitas persoas maiores do municipio que necesitan este tipo de coidados, pero a Xunta non cumpre a súa promesa de dotar as instalacións do persoal cualificado necesario.
Pola súa parte, a escola infantil A Braña de Mera, situada na antiga casa Labarta, foi reformada recentemente polo Goberno local, quen adaptou o edificio para que poida funcionar como centro escolar de 0 a 3 anos mañá mesmo. No municipio de Oleiros existe unha gran demanda deste tipo de servizo polo tipo de poboación afincada no Concello. Nestes momentos 270 nenos atópanse en lista de espera. O goberno local puxo a disposición da Xunta o inmoble hai máis dun ano sen que polo momento a Consellería se dirixira ao Goberno local.