Oleiros, 30 de xaneiro de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, asegurou esta mañá que é fundamental ampliar determinadas infraestruturas clave nos accesos á cidade para poder articular o tráfico de forma correcta na comarca coruñesa. O rexedor aposta por desdobrar a ponte da Pasaxe, a ponte do Burgo e ampliar a avenida de Alfonso Molina. «A ponte da Pasaxe rexistra un tráfico diario de 92.000 vehículos e a avenida Alfonso Molina 128.000 ao sumarse o tráfico procedente da AP-9, con este volume de vehículos é necesario amplialos», sinalou.
García Seoane sinalou que a mellora destas infraestruturas non é incompatible en absoluto coa creación de novas vías como a Vía Ártabra, da que destacou a súa importancia e a necesidade de que se termine o seu trazado ata comunicar coa A-6 e a AP-9 a través do Concello de Cambre. Ademais o rexedor destacou a posibilidade de crear un ramal de acceso á Ártabra desde o municipio de Sada, o que posibilitaría mellorar os accesos ao municipio.
Así mesmo, o alcalde destacou a boa sintonía que existe cos outros municipios en materia de infraestruturas. «É necesario traballar todos xuntos na mesma dirección para que estes proxectos sexan unha realidade para os máis de 400.000 habitantes que residimos nesta comarca», sinalou.