Oleiros, 16 de febreiro de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou esta mañá a importancia que ten para o municipio a convocatoria do pleno da Mancomunidade, xa que esta sesión permitiría disolver oficialmente o ente en desuso. Deste modo, a débeda que algúns concellos da área metropolitana manteñen co Concello de Oleiros, debido á xestión que este levou a cabo no ano 2000 para a creación dun servizo de recollida de lixo consorciado podería ser liquidada. «Levamos solicitando este pleno desde o ano 2000», asegurou. O importe da contía que estes municipios deben a Oleiros é de 600.000 euros, segundo indicou o propio alcalde.
Ademais o rexedor oleirense desmentiu que o Concello da Coruña manteña algún tipo de débeda co Concello de Oleiros en referencia a este asunto, como sinalan algúns medios de comunicación locais. «Coruña non ten ningunha débeda con Oleiros neste sentido. O único que se solicitou do Concello da Coruña foi a convocatoria urxente do pleno, xa que o presidente da Mancomunidade é o alcalde da Coruña», indicou. García Seoane explicou que conta co compromiso do alcalde da Coruña, Carlos Negreira, de que se convocará a reunión.