Oleiros, 8 de maio de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou esta mañá que o Goberno local demanda á Xunta a apertura inmediata ao tráfico da variante da localidade de Oleiros. O groso da obra de construción desta importante vía de comunicación atópase rematado desde hai semanas. A estrada acumula un considerable retraso xa que nun principio a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tiña previsto abrila á circulación a mediados do pasado ano.
A apertura da variante de Oleiros mellorará sensiblemente o tráfico na zona. O trazado comeza na avenida Francisca Herrera, á altura do colexio A Rabadeira. Posteriormente cruza a avenida Miguel Hernández e a avenida Fontedouro, onde se instalaron sendas rotondas. Finalmente enlaza coa vía Ártabra na zona de Edreira, onde outro ramal conducirá á estrada de Sada.
Melloras na estrada Perillo-Mera
Así mesmo, García Seoane sinalou que o Goberno local instará á Consellería a que mellore a estrada que une Perillo con Sada. Como xa sinalou o rexedor nos pasados días, a vía presenta notables deficiencias coñecidas polo Goberno autonómico e necesita habilitar urxentemente espazos para o tránsito de peóns. O alcalde destacou que ambos organismos consensuaron un proxecto de mellora da estrada que contempla numerosas investimentos e, aínda que moitas delas non se poidan levar a cabo pola situación económica, outras urxen e son moi necesarias.