Hemeroteca

Asset Publisher

Back Fondo pesar polo falecemento de Juan Carlos Paz Viñas, axente da Policía Local

O Concello de Oleiros lamenta profundamente o falecemento de Juan Carlos Paz Viñas, axente da Policía Local de Oleiros, e traslada o seu máis sentido pésame á súa esposa, ao seu fillo e á súa filla, así como ao resto da súa familia, amizades e compañeiros e compañeiras da Policía Local.

Con Juan Carlos desaparece non só un excelente profesional, senón tamén unha extraordinaria persoa. A súa humanidade, a súa cercanía, o seu compañeirismo e a súa permanente disposición para axudar aos demais convertérono nun referente para varias xeracións de policías locais de Oleiros.

Aínda que xa podía estar xubilado, decidiu continuar en activo porque entendía a súa profesión como unha auténtica vocación de servizo público. Esa forma de entender o seu traballo, sempre con responsabilidade, xenerosidade e entrega, valeulle o respecto e o cariño de todos os seus compañeiros.

Eses valores quedaron reflectidos na actuación extraordinaria que protagonizou en setembro de 2024, cando, xunto con outro compañeiro, dous axentes da Garda Civil de Oleiros e un profesional do 061, participou no rescate dunha muller que pretendía quitarse a vida desde o tellado dun edificio de Perillo.

Tras máis de dúas horas dun operativo de enorme complexidade, Juan Carlos aceptou ser asegurado cun arnés improvisado mediante unha corda para acceder á cuberta do inmoble. Reptando sobre as tellas, sen ser advertido pola muller, abalanzouse sobre ela no instante preciso para impedir que se lanzase ao baleiro. A rápida actuación do resto dos efectivos permitiu arrastralos a ambos ata o interior do edificio. Como consecuencia desta intervención, Juan Carlos sufriu queimaduras nun brazo.

Por este acto de extraordinaria valentía e compromiso co servizo á cidadanía, o Concello de Oleiros concedeulle unha mención honorífica, recoñecendo un comportamento exemplar que representa os máis altos valores da Policía Local e do servizo público.

O seu legado permanecerá para sempre na memoria deste Concello e de todos os seus compañeiros, para os que foi un exemplo de profesionalidade, entrega e, sobre todo, de calidade humana.

Descansa en paz compañeiro!

back link