Oleiros, 21 de xuño de 2013-. A mostra Palabras, inaugurada onte cunha gran afluencia de público, permanecerá exposta no castelo de Santa Cruz ata comezos do próximo mes, cando está previsto que se traslade ao parque José Martí de Santa Cristina . Palabras é un proxecto no que conviven as obras do ilustrador Xaquín Marín e as do fotógrafo Gabriel Tizón e que animan á reflexión e o debate sobre os valores da nosa sociedade e o seu significado. Ademais, a partir do próximo mes de setembro, as imaxes serán amosadas nos centros de ensino do municipio co obxectivo de alimentar esta reflexión entre nosas mozas e mozos.
Nesta mostra os autores comparten unha mirada común a través de dúas artes sobre situacións cotiás a través do debuxo e a fotografía. En total expóñense 30 obras, 15 de cada autor, que reflicten e ilustran o significado de palabras como amizade, amor, capitalismo, humor, emigración, educación, paz, guerra, cultura… palabras de carácter atemporal que resumen as emocións que moven as persoas deste mundo ao longo do tempo na nosa sociedade. Imaxes educativas e reflexivas para os autores e o público en xeral, sen distinción de idades, culturas ou ideoloxías, unha invitación ao público a reflexionar en tempos de présas que nos levan a cometer continuos erros.
Tanto Gabriel Tizón como Xaquín Marín son dous artistas galegos con recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras, aínda que pertencentes a dúas xeracións, ambos os dous amosan un obxectivo común polo cal se xuntaron para esta mostra: «compartir unha mirada para amosar o mundo a través de dúas artes».