Oleiros, 9 de outubro de 2013.- A Fábrica acolle este xoves a proxección do documental Cambia de papel, un documental producido e dirixido por María Reimóndez, Luís Tosar e Kutti Revathi. Esta longametraxe documental está organizada pola ONG Implicadas no desenvolvemento e nela colaboran diferentes entes, como o Concello de Oleiros. O acto está previsto para as 20.30 horas e a el asistirá María Reimóndez e N. Manimekalai, unha das protagonistas. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.
Cambia de Papel exerce una mirada afastada do típico documental xornalístico ou informativo. Nesta peza fílmica fálase dos múltiples papeis que as persoas desenvolvemos nas nosas vidas e de como o cambio, sobre todo nas condicións máis difíciles, fai que tamén se produza unha transformación no mundo que nos rodea. As protagonistas de ‘Cambia de Papel’ falan da súa vida cotiá, do seu día a día, sen ningún tipo de dramatismo pero sen esquecer tampouco que hai esforzos maiores ca outros e que deberían axudar á cidadanía do Norte a relativizar, conectar e actuar. Deste xeito, ‘Cambia de Papel’ trasládanos á pel da outra banda na busca da reflexión e da transformación necesaria para facer da nosa sociedade e do noso sistema un lugar mellor.