Hemeroteca

Asset Publisher

Back Empeza o curso 2014/2015 nas escolas infantís de Oleiros

 

Oleiros, 5 de setembro de 2014-. A alegría e o bulicio volveu ás escolas da Pardela, As Galeras, A Canteira e A Braña en Mera co inicio do curso escolar. Na xornada de onte celebrouse un día de portas abertas para as crianzas e as súas familias en todas as escolas e, a partir de hoxe, xa empezaba a atención con normalidade, sempre cos períodos de adaptación necesarios en cada caso.
 
O Concello de Oleiros dispón de 310 prazas nas catro escolas grazas a ser o concello que ten máis escolas na rede de escolas infantís de Galicia. A principios deste curso incorpóranse 277 nenos e nenas de 0 a 3 anos nos tres niveis de idade, sendo o grupo de 1 a 2 anos o único que, a día de hoxe, conta con listaxe de agarda.
 
Durante este mes se celebrarán os consellos escolares en todas as escolas para baremar e ter en conta as solicitudes presentadas desde que se pechou o prazo ordinario ata o 31 de agosto. Está previsto que neste prazo extraordinario de setembro se ocupen, practicamente, todas as prazas vacantes que hai no grupo de bebés e no tramo de 2 a 3 anos.
 
Non obstante, poden seguir presentándose solicitudes ata finais de novembro, xa que no mes de decembro haberá un novo proceso extraordinario por se quedasen prazas libres nalgún nivel.
 
Durante o mes de agosto, no que permaneceron pechadas as escolas, o Concello de Oleiros fixo distintas obras de mellora en dúas das escolas, en concreto na Pardela, co pintado de todo o exterior e mellora de distintas instalacións e, nas Galeras, tamén co pintado da fachada e co acondicionamento da zona de xogos. Ao longo de todo o ano, desde a Concellería de Servizos, faise un importante traballo de mantemento de todas as instalacións para que estean en perfecto uso por parte dos máis pequenos.
 
back link