Oleiros, 28 de xaneiro de 2011.- A corporación municipal oleirense acordou onte rexeitar a proposta da Xunta para a xestión do centro de día As Galeras. A iniciativa do Goberno local contou co respaldo do PSOE e do BNG e coa frontal oposición do grupo municipal do PP quen se inclinou por defender á Xunta fronte aos intereses dos veciños de Oleiros. A pesar da negativa dos populares o pleno aprobou a modificación do texto e o requirimento ao Consorcio para que a reflicta con brevidade e poder así abrir o centro no menor prazo posible.
A concelleira de Interior, María José Varela, expuxo durante a sesión plenaria que tivo lugar onte os motivos polos que o convenio remitido polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar non podía ser referendado e enumerou unha por unha as modificacións necesarias para que o Goberno local dea luz verde ao documento. Neste sentido, o Concello propón garantir que o actual servizo que se está prestando no centro de día do Pazo de Arenaza sexa trasladado por completo, material persoal e usuarios, ao novo centro e, polo tanto, se pechen as instalación de Iñás, que levan anos funcionando en precario. Así mesmo, o Concello insta á Xunta a que elabore o proxecto de atención xerontolóxica e as normas de carácter interno que rexerán o centro.
Outro dos aspectos clave para que o Goberno local asuma o documento é a necesidade de especificar neste que o Concello asumirá o 33% dos gastos derivados da atención dos usuarios oleirenses, pero que a Xunta terá que asumir esta porcentaxe nos caso daqueles pacientes de fóra do municipio. Así mesmo as prazas para cidadáns doutros municipios só serán outorgadas se existe un excedente tras cubrir toda a demanda local. Ademais proponse que o convenio faga alusión á obrigación por parte do Consorico de asumir os gastos derivados do funcionamento e equipamento do centro e ao compromiso do Concello de ocuparse do mantemento da urbanización do edificio e da zona axardinada lindeira, así como de garantir os servizos de protección civil, viaria e dos sistemas de sinalización.
Mantemento de zonas verdes
Por outra banda, o pleno tamén aprobou o expediente para a contratación do mantemento de máis de 580.000 metros cadrados de parques e zonas verdes do municipio. A votación saíu adiante co voto favorable do grupo de goberno Alternativa dos Veciños e do grupo municipal do BNG, PSOE e PP abstivéronse nesta votación. Este contrato que terá unha duración de 4 anos, con opción a dúas máis prorrogables, suporá un investimento total de 3 millóns de euros. A clasificación das zonas verdes en dous tipos en función das súas necesidades de mantemento permitiu reducir en case un 6% o custo de partida deste servizo en relación ao gasto que actualmente asume o Concello.
Colexio en Nós
Por último, todos os partidos, a excepción do PP, apoiaron unha moción en defensa da educación pública de calidade e instando á Xunta a que leve a cabo de inmediato as obras de construción do novo colexio de Nós.