Oleiros, 28 de maio de 2011-. O Concello de Oleiros acolle e organiza o I Encontro de Coidadores de Persoas Dependentes. A cita terá lugar o próximo xoves, 30 de xuño, no teatro das Torres de Santa Cruz. O grupo local de coidadores Descubrindo emocións, vaise reunir con outros dous grupos das localidades de Chantada (Lugo) e A Coruña. Son os grupos Mellorando, de Afachantada, e o grupo Música e Saúde, de Afaco.
Está previsto que no encontro participen un total de 35 persoas coidadoras, ademais de profesionais que interveñen en cada grupo. Esta cita ten unha dobre vertente: por un lado unha intervención terapéutica que ten como obxectivo clínico mostrar diferentes puntos de vista das persoas coidadoras na hora de atender os seus familiares e, por outro, atopar un espazo de compañía e gozo, non só de experiencias de coidar senón tamén de saúde e benestar.
As actividades colectivas deste tipo reducen a ansiedade e aumentan a sensación de apoio, por iso se organizan estas citas co fin de que as persoas participantes poidan compartir e sumar benestar na súa vida que, polo xeral, está organizada sobre as atencións diarias que deben facilitar aos seus familiares.
Aprender a ser coidadores non é algo automático. A persoa coidadora debe satisfacer as necesidades físicas e emocionais da persoa enferma pero, á vez, deben manter o funcionamento familiar con normalidade. Ser coidador non é algo que se planifica, sucede de forma repentina. Non é estraño que estas persoas sufran alteracións emocionais: estrés, ansiedade, tristeza profunda ou depresión. O 80% das persoas coidadoras sofren a denominada síndrome do coidador, e estas reunións pretenden combatelo.
PROGRAMA DESCUBRINDO EMOCIÓNS
O Goberno local de Oleiros, dando un paso máis alá no seu compromiso polo benestar dos maiores e das persoas dependentes, puxeron en marcha un novo programa de apoio ás persoas coidadoras. Este programa ofrece un espazo terapéutico de apoio, onde as persoas coidadoras se senten escoitadas, apoiadas e comprendidas, conectan con outras persoas e comparten intereses comúns e emocións con persoas que teñen preocupacións e medos similares aos seus; unha oportunidade para facer normais certos pensamentos e preocupacións, ao comprobar que son comúns noutras persoas.
O programa organízase en obradoiros, cunha duración de oito sesións semanais de hora e media. Unha vez que rematan este obradoiro incorpóranse ao obradoiro de seguimento, que se reúne en dúas sesións mensuais, de dúas horas cada unha, e xa de forma continuada. Esta actividade, achega unha calidade ao que é a atención tradicional a este colectivo, xa que se centra no apoio ao coidador cun dobre obxectivo: mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras e reducir a aparición de trastornos psicolóxicos implicados na tarefa de coidar.