Oleiros 12 de agosto de 2011-. Onte produciuse un suceso lamentable na praia de Mera. Ás 16:30 horas uns socorristas que facían labores de vixilancia cunha embarcación na praia de Mera observan a unha moto de auga que circula a velocidade excesiva por fóra das balizas pero preto destas, facendo unha aspiración que molesta aos bañistas.
Os ocupantes da moto, que parecen ser menores de idade, son informados polos socorristas de que deben afastarse da zona de baño. Estes aceptan, pero minutos despois aparece outra moto de auga cos pais dos anteriores que increpan os socorristas, chegando a agredir a estes e acometendo coa moto de auga a embarcación de salvamento. Non contentos con isto, aparece outra embarcación con catro adultos que volven a atacar a lancha de salvamento e golpean ao xefe dos socorristas de Mera.
Comunicáronse os feitos á Policía Local e á Garda Civil que envían sendas patrullas ao lugar. Diante dos axentes estas persoas seguen a ameazar aos socorristas. Os axentes proceden a realizar as correspondentes dilixencias.
Os tres socorristas agredidos presentaron partes de lesións pola agresión. Ademais a embarcación de salvamento sufriu danos no seu casco polas acometidas, feitos polos que o Concello de Oleiros cursou as correspondentes denuncias.