A este aforro sumarase proximamente o que se implantará en edificios públicos e nas redes de abastecemento e saneamento de augas
Oleiros, 9 de febreiro de 2011-. O Concello de Oleiros aforrará un 30% do gasto anual en iluminación pública, o que supón ás arcas municipais un aforro neto de 240.000 euros ao ano. Este aforro farase efectivo grazas ás iniciativas de contención de consumo que o Goberno local deseñou tras coñecer a información que se deduce da auditoría enerxética encargada polo executivo local.
O traballo realizado polos auditores recomenda unha redución do número de puntos de luz, o concello conta con 10.888, xa que nalgunhas zonas obsérvase un exceso. Ademais tamén se regulará a intensidade lumínica en zonas onde se observa un exceso, reduciranse os horarios de iluminación en zonas verdes e parques non transitados durante a madrugada. Tamén se substituirán as lámpadas que estean obsoletas por novas luminosas de baixo consumo e cambiarase a aplicación de tarifa de 186 dos 228 cadros de luz e procederase a renovar algúns sistemas luminotécnicos.
Máis aforro
Ao aforro de 238.000 euros dos 742.000 que o Concello gasta en iluminación pública, sumarase proximamente o aforro que se implantará en edificios públicos e nas redes de abastecemento e saneamento de augas, xa que o Goberno local recibirá nos próximos días a segunda parte do traballo onde se examina o consumo neste tipo de instalacións. Esta auditoría reflicte diversas anomalías na subministración que se deben resolver co obxectivo de minimizar o gasto eléctrico total, que na actualidade supón un investimento de 1,3 millóns de euros ao ano entre a rede de iluminación pública do municipio, os 72 edificios municipais e as redes de bombeo e saneamento de auga.