Hemeroteca

Asset Publisher

Back El alcalde solicita la rectificación de una información no ajustada a la realidad

Oleiros, 28 de maio de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, solicitou a rectificación dunha información publicada polo diario La Voz de Galicia na súa edición do pasado sábado 17 de maio xa que esta información carecía de veracidade. Na nova, titulada «La docencia no es un agobio para Gelo»,  afondábase sobre esta idea en base a unhas afirmacións que nunca se produciron. Este diario rectificou con outra pequena información na súa edición local de hoxe.  A continuación reprodúcese a carta enviada ao periódico na que solicita a rectificación e arguméntase a dita petición.


Estimado Sr. delegado,

En relación á información publicada polo seu medio na edición do pasado 17 de maio baixo o título «La docencia no es agobio para Gelo», gustaríame sinalar que se cometen varias incorreccións que como consecuencia fan que o conxunto da dita información sexa totalmente incerta. Para comezar, en ningún momento da miña intervención durante a sesión plenaria celebrada o pasado 16 de maio fixen ningunha referencia ou alusión ao colectivo de profesionais docentes galegos polo que a afirmación de que «a docencia non é agobio para Gelo» carece totalmente de fundamento e é rotundamente falsa.

En segundo lugar, durante o texto asegúrase que a miña persoa reprochou ao portavoz municipal do PSOE, Luís Vázquez, traballar só vinte horas á semana e que o acusei de facer demagoxia por defender a profesión de docente e ás 30.000 persoas que a exercen en Galicia. As dúas afirmacións son falsas, en ningún momento acuso ao señor Vázquez de traballar 20 horas e moito menos fago ningunha mención ao colectivo de docentes, só me limito a recordar ao dito portavoz o seu dereito a asistir ao pleno e a reprocharlle a escenificación e posta en escena na súa tardía incorporación á sesión, sen que isto teña nada que ver coa profesión que exerce e á que non fixen ningunha mención.

Por todo o exposto, e facendo valer o meu dereito á rectificación, solicítolle que rectifique a dita información coa mesma importancia coa que a difundiu. Por se fose da súa axuda achegámoslle un corte de audio coas intervencións do señor Vázquez e as miñas ao respecto durante o dito pleno. Por último gustaríame lembrarlle o compromiso que desde hai máis de 25 anos o Goberno local que presido ten coa educación en Galicia, e concretamente no noso municipio, e o apoio incondicional que a nosa xestión achegou aos profesionais da educación, así como o recoñecemento público que sempre fixemos do labor social que realizan.


Atentamente,



Ángel García Seoane
Alcalde do Concello de Oleiros
Oleiros, 27 de maio de 2014
 

back link