Oleiros, 3 de xullo de 2013-. Os veciños e veciñas de Dorneda celebrarán ao longo desta fin de semana as tradicionais festas do Rosario. Os festexos comezarán o venres ás 20.00 horas cunha sardiñada popular no campo da festa, tras o banquete, celebrarase unha verbena amenizada pola orquestra Fania Blanco Show. O sábado, tamén ás 20.00 horas, celebrarase unha churrascada con prezos populares e, posteriormente, a afamada orquestra Panamá encargarase de poñer a música.
O domingo será o día grande, con festexos desde primeira hora da mañá. Haberá alboradas e dianas a partir das 8.30 horas, logo, ás 11.30 horas, celebrarase a XXXIII edición da Xuntanza Mariñana, que este ano contará coa presenza das agrupacións folclóricas locais Dorna, A Marola, Santaia, Semente Nova e Folliñas. Como grupos invitados acudirán As Mariñas de Cambre e San Xoán de Ouces de Bergondo. Ás 13.30 horas festexarase unha misa na igrexa da parroquia e a partir das 14.30 horas serviranse callos no campo da festa nunha amena sesión vermú. Xa para rematar, ás 19.00 horas dará comezo unha mostra folclórica internacional que porá o peche á edición 2013 destes festexos en Dorneda.