Hemeroteca

Asset Publisher

Back Despois das ondas, un drama sobre a vida de María Casares, este sábado no auditorio García Márq

 Oleiros, 20 de outubro de 2020-. A compañía ButacaZero presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera a obra Despois das ondas. Belén Constenla, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega e Ernesto Is forman o elenco desta obra creada por Ernesto Is e dirixida por Xavier Castiñeira.

 
Despois da guerra, do exilio, da morte, do éxito, da soidade, do amor; despois de corenta anos, María Casares regresa á patria da súa infancia nunha xira teatral. A nena medrou para converterse na grande actriz da escena e do cinema francés, no símbolo da España refuxiada, no recordo dunha Galicia perdida na brétema do pasado. Será precisamente nesa néboa onde a gran Casares deberá perderse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que resoan na súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María?. Nesta peza mesturando cine en directo, teatro e música poderase percorrer os lugares e momentos da vida de María Casares na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.
 
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 3,50 euros, ata completar a capacidade da sala. A obra está recomendada para maiores de 12 anos. 
 
Ante a situación sanitaria, e seguindo as directrices das autoridades, a capacidade da sala estará limitada. Será obrigatorio manter a distancia de seguridade e asistir con máscara, así como atender as indicacións e normas da organización.
 
back link