Hemeroteca

Asset Publisher

Back Costas continúa en silencio antes as graves deficiencias na “rexeneración” da ría

A enorme intervención pública de rexeneración da ría da Pasaxe deixou moitos aspectos sen resolver, que se poñen de manifesto a cada paso. A Dirección Xeral de Costas aínda non respondeu ás demandas do Concello de Oleiros para considerar a obra satisfactoriamente rematada.

Veciñanza e Concello protestaban ante Costas cando deron por finiquitada a obra sen realizar a conexión peonil entre os distintos treitos do paseo marítimo entra Agramar e O Graxal, que continúa igual, con treitos inaccesibles e zonas nas que non é posible a continuidade peonil, como se tiña manifestado publicamente ao comezo da intervención.

Hoxe, en pleno verán, as protagonistas son as lameiras nas que deixaron antigas zonas de baño próximas a Agramar e Beiramar, que lonxe de potenciarse como áreas para o uso acuático, quedaron cheas de obstáculos, pedras e raíces da grandes árbores, cunha sensación total de abandono dunha zona que tradicionalmente recibía o nome de “areal”.

Ademais, tamén moitos veciños constataron que algúns dos areais máis produtivos de Santa Cristina foron esquilmados e degradados, pese a que non presentaban un grave problema de contaminación.

As zonas máis críticas en canto a deterioro situábanse no fondo da ría, onde historicamente íanse depositando os residuos das fábricas de Koipe e Cross.

back link