Oleiros, 20 de febreiro de 2014-. Mañá venres 21 de febreiro ás 18.30 horas terá lugar unha charla de divulgación científica na Biblioteca central Rialeda en Perillo. Esta charla, impartida por María José Servia García, está enmarcada dentro da programación de actividades Ler para saber. O simposio, titulado Animais Misteriosos versará sobre a fauna e as súas particularidades.
María José Servia García é doutora en bioloxía e profesora de comportamento animal da Universidade da Coruña. Fundamentalmente o seu campo de traballo é a ecoloxía dos animais de auga doce, e na actualidade colabora con diversas institucións nacionais e estranxeiras no estudo da bioloxía e ecoloxía de especies de peces migradores. Foi xefa da Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Algúns proxectos actuais inclúen o estudo da evolución ontoxénica de biomarcadores enerxéticos en larvas de Dípteros Quironómidos, a avaliación do estado das poboacións de lamprea mariña (Petromyzon marinus) e saboga (Alosa fallax) en Galicia, a análise do estado actual e impacto das especies invasoras de auga doce ou a posta en marcha dunha rede de observatorios ambientais en ríos costeiros europeos.